Presentación de DE RODA EN RODA. MÚSICAS E DANZAS DO MUNDO

Categoría: Nova

Este sábado e dentro dos actos da Feira do Libro de Santiago celebrarase a presentación do libro+cd+dvd DE RODA EN RODA. MÚSICA E DANZAS DO MUNDO, de Suso Cancelas, Pilar Sampil e Javier Jurado (Editorial Galaxia).
Participarán Víctor Freixanes, director xeral de Galaxia, Luis Prego, e os autores Suso Cancelas e Javier Jurado. Ao remate do acto haberá unha demostración de danzas do mundo a cargo de bailadores e bailadoras á que poderá sumarse todo o público que o desexen.
Estamos diante dun libro que, como sinalan os autores no texto inicial, ten como principal obxectivo: "revitalizar a danza tradicional, para que, en vez de ser un espectáculo contemplativo, se troque nun acto máis participativo, como foi noutras épocas. Fronte á homoxeneización cultural moderna, queremos dar conta da diversidade musical e de danzas que o ser humano xerou, e continua a xerar, nas múltiples tradicións culturais existentes, así como compartir un xeito de relacionarnos san e divertido. Sentimos que algo tan valioso debería ser coñecido polo meirande número de persoas posible para o seu goce, independentemente da súa idade ou habilidade. Está aí, coma o sol e temos unha opción moi doada de sentilo. (…)
O círculo a roda, é unha figura universal na danza que simboliza moi ben o que queremos expresar. Podemos viaxar en roda polo mundo, participando en festas tradicionais que aínda sobreviven en moitos países, ou podemos bailar aquí mesmo, nos seráns, cos amigos, nas festas populares, nos centros de ensino, nos campamentos de tempo libre, con nenos ou nos locais da terceira idade…, en calquera espazo no que conflúa un grupo de xente ao que lle guste bailar coa xente, e non para a xente".

Comparte nas túas redes sociais ou por email