Presentación de “Benvidos á cidade”, en Vigo

Categoría: Evento

O día 9 de outubro, ás 20 h, celebrarase, na libraría Librouro de Vigo, a presentación do libro Benvidos á cidade, de Xurxo Sierra Veloso.
Acompañando ao autor, asistirá Francisco Castro, Director Xeral da Editorial Galaxia.
É necesario confirmar asistencia en librouro@librouro.com
O acto contará con todas as medidas de seguridade.
O comando de liberación animal entrou na granxa e abriu as gaiolas. Milleiros de visóns americanos, máis grandes e feros do que anunciaban as enciclopedias, foxen ás carreiras. Non se espallan polos montes dos arredores, senón que van cara á cidade sen nome. Alí viven persoas como Urbano e Nati, preocupados pola tardanza da súa filla; ou Celso, un traballador de banca que coñeceu tempos mellores; ou a misteriosa Lady Constance, que talvez coñeza de primeira man os proxectos do comando. Todos ignoran que a noite do venres vai estar chea de perigos. Os mustélidos que escaparon da granxa non só posúen feitura fermosa  e lixeireza de movementos, senón que tamén teñen instinto asasino e dentes longos e afiados. As rúas están ateigadas de cidadáns que festexan a primavera. Non sospeitan que a morte se agocha baixo a aparencia inocente dun animal de pel escintilante.
Xurxo Sierra Veloso (Caracas, 1969) Autor das novelas Os ollos do rei de copas (1994), Licor de abelá con xeo (finalista Lueiro Rey, 2006), Os mércores de Fra (Premio Risco, 2006), Os nomes do traidor (2008) e Os fíos (Premio Repsol, 2010) .

Comparte nas túas redes sociais ou por email