Presentación de “Árbores no deserto” en Santiago de Compostela

Categoría: Nova

O día 14 de xullo, ás 19:30 h, celebrarase, na libraría Cronopios de Santiago, a presentación de Árbores no deserto, de Rosalía Fernández Rial. Acompañando á autora, asistirán ao acto a profesora e crítica literaria Montse Pena Presas e Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia.
Igual que a escultura vive nos bloques de pedra andes de ser tallada, a poesía latexa no corpo en prosa do pensamento filosófico.

Do mesmo xeito que as partituras sustentan as acrobacias da improvisación, entre os cimentos dos discurso sólidos brinca, funambulista, a liquidez dos versos. Así, este libro escribiuse ao desconstruír a voz e o trazo das súas autoras. Sobre a trama resultante a literatura compuxo colaxes urdidas coa figura e as palabras de pensadores que teceron imaxinarios redentores a través do tempo. As raíces das súas ideas medran agora en nós, coma árbores no deserto. Coma árbore no deserto agroma, rizomática, a nosa arte, oasis de liberdade.
Rosalía Fernández Rial (Costa da Morte, 1988) é filóloga, doutora en didáctica das linguas e da expresión dramática pola USC e performer. Mais, sobre todo, e desde moi nova, dedícase á escrita. Como poeta publicou os libros. En clave de sol (2009), Átonos (2011), Un mar de sensacións(2012), Vinte en escena (2012, 2014), Ningún amante sabe conducir (2014), Contra-acción(2016) e a antoloxía bilingüe Sacar a bailar. Poesía reunida (2009-2016). No ámbito do ensaio, destaca o seu traballo Aulas sen paredes, un libro-DVD sobre unha metodoloxía innovadora no ámbito da didáctica das linguas que recibiu o Premio á mellor iniciativa bibliográfica da II Gala do Libro Galego en 2017. Actualmente imparte aulas de lingua e literatura en Cabana de Bergantiños, forma parte da directiva da AELG, do consello de redacción da Revista Galega de Educación e de diferentes proxectos artísticos de carácter interdisciplinar.

Comparte nas túas redes sociais ou por email