Presentación de A PRINCESIÑA QUE CONDUCÍA UNHA LOCOMOTORA

Categoría: Nova

Clara do Roxo presenta este seu primeiro libro mañá ás 20 horas na librería Librouro de Vigo. Estará acompañada neste acto por Francisco Castro, editor, e Ledicia Costas, escritora. A pesar de que é o seu libro de debut, Clara do Roxo ten xa unha sólida traxectoria alicerzada nos derradeiros anos coa consecución dun mollo importante de premios literarios como son o Manuel Murguía que na súa última edición foi parar ás súas mans.
Agora, entréganos en Galaxia unha historia sobre princesas e reinos que non son, precisamente, como os dos contos de toda a vida. Porque esta princesa non está tranquiliña esperando na casa a que apareza un príncipe azul que a reclame. Non. Esta princesa éche ben espelida e o que quere é deixar o trono para convertirse en maquinista de tren.
Sen dúbida, un divertidísimo texto que ha viaxar por moitas estacións!

Comparte nas túas redes sociais ou por email