Cargando Eventos

« Todos os Eventos

  • Este evento xa pasou.

Lectura dramatizada de “Estrelecer” na SGAE

14 Novembro | 21:00

Evento Navegación

estrelecer-sgae

O día 14 de novembro realizarase unha lectura dramatizada dalgunha das pezas de Estrelecer de Carlos Labraña na SGAE.

 

A sede da Fundación SGAE en Santiago de Compostela representa a obra o xoves 14 de novembro con entrada gratuíta

Sete excelentes actrices levarán a escena o texto, seleccionado polo Consello Territorial da SGAE en Galicia

 

O XXIII Ciclo SGAE de Lecturas Dramatizadas representará en Santiago de Compostela, co impulso do Consello Territorial da SGAE en Galicia, a obra seleccionada esta temporada na convocatoria para textos teatrais en galego. Trátase de Estrelecer, orixinal do cedeirés Carlos Labraña, que se estreará o xoves 14 de novembro (21:00 horas), con entrada gratuíta, na sede da Fundación SGAE na capital galega. Colabora a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG).

 

Estrelecer é a historia dun grupo de rapazas que deciden ocupar unha mansión abandonada, da que contan estrañas historias, para crear un mundo onde poder ser elas mesmas. Pero a súa brincadeira converterase nunha viaxe ao descoñecido; nese tránsito terán que loitar contra todo tipo de sombras para acadar aquilo polo que devecen.

 

Trátase dun texto inédito de Carlos Labraña (Cedeira-A Coruña, 1969), dramaturgo especializado en teatro infantil e xuvenil que comezou a súa andaina no Colectivo Garola con obras como O segredo de Daniel e  A escada, ambas gañadoras do Certame Xeración Nós. De xeito individual ou en colaboración cos seus irmáns Antón e Sabela, Labraña entregou títulos como Espantallo (Premio O Facho), A Pequena Compaña (Premio Estornela), Moito Morro Corporation SL (Premio Gala do Libro) e O Valo (Premio Manuel María). Os seus traballos teñen sido traducidos ao castelán, catalán e portugués, e representados fóra de Galicia.

 

Na súa estrea na sede dos autores en Santiago de Compostela, Estrelecer contará coa dirección escénica de Zé Paredes, o dramaturgo premiado este ano no III Torneo de Dramaturxia de Cangas, que tamén apoiou a Fundación SGAE. Compoñen o elenco sete celebradas actrices: María Barcala, Mónica García, Arantza Villar, Iría Sobrado, Paula Sanmartín, Sonsoles Cordón e Dunia Díaz.

 

Contamos coa túa asistencia a tan interesante cita.

 

XXIII Ciclo SGAE de Lecturas Dramatizadas

 

Organizada pola Fundación SGAE dende 1995, esta actividade ten a singularidade de reunir a autores, intérpretes, directores, produtores e público, na gran maioría das propostas, arredor dunha experiencia única: a estrea dunha obra nunca antes representada e se cadra ensaiada nas horas ou días previos.

 

Este XXIII Ciclo SGAE de Lecturas Dramatizadas desenvólvese durante o mes de novembro en sete cidades españolas: Santiago de Compostela, Avilés, Madrid, Bilbao, Murcia, Valencia e As Palmas de Gran Canaria acollerán unha mostra de dramaturxia contemporánea cuxo obxectivo é incentivar a escrita e lectura de pezas teatrais. Ao longo das súas 22 edicións precedentes, o ciclo superou os 250 textos de máis de 200 autores para un público que rebasa as 25.000 persoas.

Detalles

Data:
14 Novembro
Hora:
21:00
Categoría do Evento:

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR