Homenaxe a Xosé Manuel Beiras

Categoría: Nova

Xosé Manuel Beiras vén de cumprir 75 anos e o vindeiro 2012 cumpriranse 40 anos da publicación de O atraso económico de Galicia. Unha comisión constituída ao efecto (formada por Xosé María Álvarez Cáccamo, Salomé Álvarez Blanco, Xusto Beramendi, Manuel Caamaño, Comba Campoy, Xosé Ramón Fandiño, Miguel Anxo Fernán Vello, Víctor F. Freixanes, Margarita Ledo, Lidia Senra e Xosé Manuel Soutullo) convoca unha homenaxe, engarzando estas dúas efemérides significativas na ampla e intensa biografía de Xosé Manuel Beiras, ofrecendo o merecido recoñecemento pola súa traxectoria de entrega a Galicia e de loita pola reivindicación dos valores que ennobrecen ao ser humano.

No acto previsto, que se celebrará o sábado 17 de decembro, ás 12.30 horas, no salón Ángel Brage do Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, farase a presentación dun libro dedicado á súa persoa editado por Galaxia con máis de trinta autores, xunto con outras actuacións no mesmo lugar que se están a programar. A continuación, ás 14.30 horas, terá lugar un xantar no seu honor no restaurante do mesmo auditorio.

O acto primeiro será público e para o xantar será preciso inscribirse na conta do Banco de Santander 0049 5404 22 2795102504 (para Homenaxe a Beiras), mediante o pago de cincuenta euros.

Comparte nas túas redes sociais ou por email