Entrega do Premio de Narrativa Breve Repsol 2020

Categoría: Evento

O día 17 de decembro, ás 19 h, celebrarase o acto de entrega do Premio de Narrativa Breve Repsol 2020 a Berta Dávila, no salón de actos do edificio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, en Santiago de Compostela.
Acompañando a autora, asistirá o Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez González, o videpresidente da Fundación Repsol, António Calçada de Sá, e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
A premiada Berta Dávila gañou o Premio de Narrativa Breve Repsol 2020 con Illa Decepción, unha obra na que a protagonista desta novela expándese en dúas direccións aparentemente opostas: a do vencello cotián co seu fillo durante o confinamento e a do resto daquela nena que aínda perdura na súa imaxinación. Así, movida por un soño, máis de vinte anos despois de abandonalo, decide presentarse no apartamento onde viviu coa súa familia durante a nenez e a adolescencia.
Cunha voz inconfundible, penetrante, orixinal e ao tempo case delicada, Berta Dávila narra a historia dunha memoria que rescata o presente. Para conseguir xuntalo cun pasado vívido, cálido, ao que se pode viaxar por medio da literatura. Dávila ofrécenos unha obra singular e única, froito dun universo personalísimo.
Berta Dávila (Santiago de Compostela, 1987) é autora de poemarios como Corpo baleiro (2007) eRaíz da fenda (2013, Premio Johán Carballeira, Premio da Crítica española, Premio da AELG). No eido da narrativa, iniciouse con Bailarei sobre a túa tumba (Premio Biblos de Novela, 2008), á que seguiu o libro de relatos A arte do fracaso (2010), traducido para o castelán e o xaponés. Recibiu o Premio de Narrativa Breve Repsol en 2013 por O derradeiro libro de Emma Olsen, obra que obtivo o Premio Ánxel Casal ao mellor libro de ficción 2013. Tamén foi nomeada pola AGE autora do ano en 2014. En 2019 gañou o Premio García Barros con Carrusel que, neste 2020, foi recoñecida co Premio da Crítica Española 2019.

Comparte nas túas redes sociais ou por email