Encontro arredor da industria editorial galega, en Vigo

Categoría: Nova

O martes 25 de xaneiro, celebrarase, ás 19 h, no Museo Verbum – Casa das Palabras de Samil, Vigo, un encontro con Francisco Castro, escritor e director xeral de Editorial Galaxia, e Inma López Silva, escritora e crítica teatral, arredor da industria editorial galega, dende un punto de vista económico, organizado polo ECOBAS Interuniversity Research Center.
Ao final do seminario, sortearase un pequeno lote de libros entre os asistentes presenciais.

É posible seguir o acto de maneira telemática a través da seguinte ligazón:
Canle de Youtube de ECOBAS Interuniversity Research Center

ECOBAS é un Centro de Investigación Interuniversitario, integrado por moitos dos mellores académicos e académicas das tres universidades galegas no eido das ciencias sociais. Traballan no eido da sustentabilidade económica, ambiental e social para tratar de dar resposta aos grandes retos e desafíos da sociedade a través da investigación, a docencia, a innovación, e a transferencia de coñecemento.
Francisco Castro (Vigo, 1966) director xeral da Editorial Galaxia. En 2010 foi elixido presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É un dos narradores galegos que comezaron a publicar no inicio do século XXI. A súa narrativa destaca pola orixinalidade á hora de abordar xéneros moi diferentes. É autor do libro de relatos eróticos Xeografías, de A canción do náufrago, ambos de 2001, e do relato histórico Memorial do infortunio. En 2004 publicou Xeración perdida, novela coa que adentra ao lector no mundo das drogas, e Un bosque cheo de faias, que gañou o Premio Frei Martín Sarmiento. Recibiu en 2006 o Premio Blanco Amor de novela longa con Spam que publica Galaxia. En 2007 resultou gañador do Premio de Novela Manuel García Barros, concedido polo Concello da Estrada, coa novela As palabras da néboa, publicado por Editorial Galaxia. No mesmo ano publica ‘O ceo dos afogados’ que foi finalista do premio Fundación Caixa Galicia e que recibiría o Frei Martín Sarmiento como mellor libro do ano. En 2009 obtivo o Primeiro Accésit e Pluma de Prata no I Certame de Xornalismo de Opinión Raimundo García ‘Borobó’ polo seu artigo titulado ‘Borobó despedido’. No eido da narrativa infantil e xuvenil é autor de ‘Chamádeme Simbad‘ (2009), Premio Frei Martín Sarmiento e lista de Honra do IBBY, e ‘O segredo de Marco Polo’ (2010). En 2013 resultou gañador do Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia pola súa obra ‘O corazón da Branca de Neve’ e, en 2014, publicou a novela xuvenil ‘Tes ata as 10’, obra que recibiría o Premio Frei Martín Sarmiento en 2016. En 2018 entrou a formar parte da sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega.  
www.franciscocastro.gal
Inma López Silva, novelista, ensaísta, crítica teatral e columnista de prensa, é autora dunha ampla obra literaria que foi recoñecida cos premios Xerais, Blanco Amor, San Clemente, Losada Diéguez e Francisco Fernández del Riego. Como narradora, cultivou o xénero breve en libros como Rosas, corvos e cancións (2000) e Tinta (2012), así coma o ensaio feminista en New York, New York (2007), Maternosofía (2013) e o polémico Chámame señora, pero trátame coma a un señor (2018). Tras o éxito de aclamadas novelas como Memoria de cidades sen luz (2007) e Aqueles días en que eramos malas (2016), Galaxia publica en 2020 O libro da filla, Premio da Asociación de Críticos Literarios.
www.inmalopezsilva.com

Comparte nas túas redes sociais ou por email