Doazón do arquivo de Xosé María Álvarez Blázquez á Fundación Penzol

Categoría: Nova

Hoxe venres, ás 12:00 h, vai ter lugar a sinatura do documento de entrega dos fondos arquivísticos de Xosé María Álvarez Blázquez á Fundación Penzol, por parte dos seus fillos e fillas.

A doazón consta de 111 carpetas que conteñen máis de 2.500 documentos, folletos, retallos de prensa, manoscritos, orixinais mecanografados e coleccións temáticas agrupados en temas como prehistoria e arqueoloxía; literatura galega medieval, dos Anos Escuros e do Rexurdimento, romances impresos en Galicia e unha importante colección do cancioneiro popular; historia de Galicia e de Vigo; filatelia; temas vigueses; toponimia e lingüística; etnografía e folclore; documentación política da transición e da primeira etapa democrática; emigración, retallos de prensa e publicacións sobre Castelao e outros varios temas.

Xa pola tarde, ás 20:00 h, terá lugar unha conferencia de Xosé María Álvarez Cáccamo titulada "Os papeis de Xosé María Álvarez Blázquez". O acto será presentado por María Dolores Cabrera Iglesias, padroeira da Fundación Penzol.

Comparte nas túas redes sociais ou por email