Día das Letras Galegas 2024 para Luísa Villalta

Categoría: Nova

Esta mañá de xoves soubemos que a RAG decidiu dedicarme o Día das Letras Galegas 2024 á poeta Luísa Villalta. Na Editorial Galaxia publicamos hai uns meses toda a súa poesía completa.

Luisa Villalta (A Coruña, 1957-2004) poeta, narradora, dramaturga, ensaísta, filóloga e violinista, formou parte da Xove Orquestra de Galicia e de varios grupos de cámara, será a homenaxeada no Día das Letras Galegas en 2024.

A comezos deste ano a Editorial Galaxia sacou do prelo a súa poesía reunida (1991-2004) nunha edición a cargo de Armando Requeixo e baixo o título Pensar é escuro, onde se recuperan os catro títulos que Luísa Villalta dispuxo en vida para a súa publicación: Música reservada (1991), Ruído (1995), Rota ao interior do ollo (1995) e En concreto (2004). Estes versos converteron a autora nunha das voces máis importantes da poesía galega do noso tempo e consagrárona como unha creadora singular e inimitable. Armando Requeixo  está tamén preparando tamén a biografía da poeta para editar nos próximos meses por Galaxia.

A Editorial tamén conta no seu catalogo co ensaio  O outro lado da música, a poesía. (2021) obra onde Luísa Villalta leva a cabo unha relectura da historia da poesía galega procurando nesta a presenza substantiva da música, dende a Idade Media ata as Irmandades da Fala e a época Nós, e que converte a obra nun exercicio fundamental para mellor comprender tanto a poesía galega de todo tempo como  a súa propia obra.

Como narradora Luísa Villalta  publicou Siléncio, ensaiamos (1991), Teoría de xogos (1997) e As chaves do tempo (2001), e os ensaios O don Hamlet de Cunqueiro: unha ecuación teatral (1992) e Libro das colunas (2005),  ademais de  traducións e colaboracións en revistas como Grial, A Trabe de Ouro, A Festa da Palabra Silenciada, Página Abierta, Mondo Lusofono e Tempos Novos.

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades da Xunta de Galicia, dirixido polo propio Armando Requeixo  garda o legado da escritora, cedido pola súa familia, a súa nai e a súa irmá, e onde hai aínda moito material poético inédito, borradores ensaísticos, unha peza teatral e moita  escritura diarística. Moitos destes inéditos serán publicados pola Editorial Galaxia co gallo desta celebración da Letras.

Luísa Villalta dicía que escribía con tinta do mar, e con esa mesma tinta a homenaxearemos todos e todas no 2024, e celebraremos a súa  curiosidade, a indagación constante  dunha poeta que nunca está parada, que sempre se interroga e se responde. Que nos interroga e nos responde, que nos desafía.

Comparte nas túas redes sociais ou por email