Foi unha noite desas para non esquecer nunca. O Auditorio da cidade de Eduardo Blanco Amor absolutamente cheo. Mil persoas pendentes da inauguración do Festival Internacional de Cine de Ourense, o xa mítico OUFF, mais, sobre todo, pendentes do instante no que A ESMORGA, a película de Ignacio Vilar producida por Vía Láctea Filmes e a Editorial Galaxia sería estreada.
A actriz Teté Delgado foi a encargada de conducir un acto no que se recoñeceu o traballo guionista do tamén actor Carlos Bardem e na que o alcalde de Ourense pediu que a Corporación Municipal que entre cando el marche faga todo o posible porque continúe o festival.
Logo, Ignacio Vilar, e os tres actores protagonistas, Miguel de Lira, Antonio Durán "Morris" e Karra Elejalde presentaron a película envolvidos na emoción dun momento que sabiamos histórico. O director leu parte dunha carta de Eduardo Blanco Amor na que manfiesta o seu descontento con "La Parranda", a anterior versión feita nos anos setenta do século pasado, e na que sinala que soña con que un día se faga a película dende Galicia e na nosa lingua. Como sinalou Vilar, "Eduardo Blanco Amor está falando de nós".
Logo, a película, as fotos, a celebración.
Un sábado de esmorga feliz.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR