Este sábado coñeceremos a obra gañadora do Premio Illa Nova 2018

Categoría: Nova

Este sábado, 14 de abril, ven coñecer connosco o título da obra gañadora do Premio Illa Nova 2018 e ao seu autor ou autora. Será nun serán aberto ao público cheo de música e literatura, que arrincará ás 19:00h na sede da Fundación Barrié en Vigo (Policarpo Sanz, 31).
O acto, conducido pola editora e secretaria do premio Malores Villanueva, contará este ano coa actuación musical en directo de A Banda da Loba.  Ademais, agasallaráselle aos asistentes un exemplar facsimilar de Vieiro choído, obra teatral de X. L. Franco Grande que por volta de 1957 foi o número 1 da mítica colección Illa Nova que lle dá nome ao galardón. Tamén haberá lugar para a homenaxe a Xohana Torres, que en 1959 debutaría na mesma colección co poemario Do sulco, e que nos deixaba o pasado outono.
Tomarán parte no acto, así mesmo, Francisco Castro, director xeral desta casa, e Antón Vidal Andión, presidente da Editorial. E contaremos coa presenza dos membros do xurado desta edición: os escritores Anxos Sumai e Daniel Asorey, a profesora e investigadora Montse Pena Presas, o libreiro Xacobe Pato e a crítica literaria Antía Monteagudo, que será a encargada de dar lectura á acta. Finalmente, fará entrega do galardón Vanesa Santiago, gañadora da primeira edición, que compartirá cos asistentes a súa experiencia ao longo deste ano tras publicar A vida sinxela de Marcelo Firmamento.
Valo perder?

Comparte nas túas redes sociais ou por email