ESPERANDO O LEITEIRO en Compostela

Categoría: Nova

A Biblioteca Ánxel Casal (Avda. Xoán XXIII) acolle esta tarde, ás 20:00 h, a presentación deste novo título na longa traxectoria dun dos mestres da narrativa galega contemporánea.

O acto contará coas intervencións de Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia, Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, Dolores Vilavedra, crítica literaria, e o autor, Xosé Neira Vilas. A actriz Uxía Blanco fará unha lectura dalgúns fragmentos do libro.

Trátase dun monólogo sen pausas no que narra a vida dun mozo campesiño mentres agarda para iniciar a viaxe que, a mediados do século XX, o ha levar da súa aldea a Buenos Aires. Nesta crónica dun mundo que perdemos, escrita cunha lingua vizosa e chea de autenticidade, Neira Vilas evoca con pluma maxistral as vivencias dun mozo de dezanove anos que, na década de 1950, marcha para as Américas empurrado polos que estaban alá e pola escaseza do que tiña aquí. A novela é testemuño dun mundo que se foi, o da aldea, cos seus atafegos e traballos, o seu universo, os seus costumes, a súa fala, mundo que Neira Vilas narra a través dun monólogo sen interrupcións feito coas lembranzas e coas arelas do protagonista.

Comparte nas túas redes sociais ou por email