Entrevista a Xulia Alonso

Categoría: Nova

– FUTURO IMPERFECTO acaba de gañar do Premio San Clemente, un dos máis destacados de Galicia por ser concedido por rapaces, alumnos de varios institutos. ¿Que significa para ti este premio?

Este premio é especialmente emocionante para min porque o dan mozos e mozas que están na idade de comezar a construír a súa propia vida. En 'Futuro imperfecto' eu narro un anaco do proceso da construción da miña nun tempo que foi fermoso e cruel. Hai moito amor á vida neste libro e chegar aos que a teñen toda por diante era o máis fondo dos meus desexos. Por iso hoxe estou tan emocionada.

– ¿Como valoras o éxito deste teu primeiro libro?

A palabra éxito dame un certo arrepío, asústame. É certo que o libro ten unha acollida magnífica de público e crítica, e dicir que estou contenta é dicir pouco. A sensación que teño non é de éxito, é de victoria. É algo íntimo que ten que ver coa miña loita fronte a morte, contra o esquecemento e a fatalidade. Hai algo de rescate, de recuperación, de reparación da Memoria nese "éxito", e síntome moi agradecida a todos e todas os que, lendo o libro ou escribindo sobre el, me permiten sentir esta "victoria". Nunca pensei que chegaría a sentir algo así. Só podo dar as grazas unha e mil veces.

-¿Que comentarios recibes por parte dos teus lectores?

Iso é o mellor. A literatura ten algo máxico que, cando funciona, crea un lazo invisible pero poderoso entre o lector e o autor. Eu coñezo esa sensación como lectora e a gozo cada vez que se produce. Vivila como autora é todo un descubrimento. Teño recibido mensaxes por correo electrónico que estou segura de que me subiron as defensas máis que calquera medicamento e tamén algúns encontros con persoas que me trasladaron as súas impresións, emocións ou o intenso efecto que a lectura do libro tivo nelas. Isto espanta todos os medos, é o mellor de todo, sen dúbida.

– ¿Pensas que cumpriches cos obxectivos que te marcaras ao escribir este libro?

O obxectivo principal cumprino o día en que o rematei. Levaba anos desexando deixar constancia da miña experiencia vital, que foi a de moitos que xa non están. Todo o que chegou despois supera con moito as miñas expectativas. O que máis me reconforta é constatar o que sempre crin, que a vida se constrúe día a día, voluntariosamente, e que o esforzo da súa construción é o que lle da sentido.

Comparte nas túas redes sociais ou por email