Entrega do II Premio Viadutos de Novela 2019 a Xosé Ricardo Losada, en Redondela

Categoría: Nova

O día 23 de novembro, ás 12:00 h, celebrarase o acto de entrega e a presentación do II Premio Viadutos de Novela 2019, A casa xunto ao volcán de Xosé Ricardo Losada, no Multiusos da Xunqueira do Concello de Redondela. Intervirán, ademais do autor  Xosé Ricardo Losada , a Alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, o Director Xeral de Editorial Galaxia, Francisco Castro, así como as integrantes do xurado: María Jesús Argibay, Patricia Árias Chachero, Iolanda Zúñiga, Malores Villanueva e Anna R. Figueiredo, gañadora da anterior edición.

II Premio Viadutos 2019

Con dezasete anos, Xeila ve o seu mundo escachar en anacos: a separación dos pais, as dúbidas sobre a súa vocación profesional, as inseguridades físicas… E por riba, o traslado familiar de Ourense a Rianxo, onde terá que comezar de novo, onde terá que rachar coas inercias psicolóxicas do pasado e buscar iso que o seu profesor de Filosofía consideraba a función básica do ensino: unha mirada propia sobre o mundo e sobre as relacións humanas que nel se establecen. Esa é a maior aventura que se pode vivir na adolescencia, e Xeila empréndea, para sorpresa do profesorado, da súa nai e das súas amizades, incapaces de comprendela.
O seu comportamento estraño, contraditorio, mesmo delitivo, é un reto que se impón a partir do pensamento de Nietzsche, estudado nunha das clases de Filosofía: construíde a vosa casa ao lado dun volcán. Un volcán que acabará modificando non só a vida de Xeila, senón a de todas as persoas que a presencian, e mesmo son sacudidas pola súa erupción.
Xosé Ricardo Losada (Rianxo, 1961) é profesor de Filosofía no Instituto Félix Muriel de Rianxo. En 2005 publicou o libro de relatos O xene da chuvia. Tamén é autor de Dez anos de poesía. Premio Faustino Rey Romero (2008) e de Fausti­no Rey Romero: obra poética e teolóxica (2013), libro sobre a obra completa do crego poeta. Resultado deses traballos de investigación, deu ao prelo a biografía Faustino Rey Romero. Un evanxeo bufo (2015) e en 2018 Manuel Antonio. Vida e misterio dun poeta galego. A súa primeira novela, Bótame deste mar fóra, saíu á luz en 2017. Con A casa xunto ao volcán gañou o Premio Viadutos de Novela 2019.

 

Comparte nas túas redes sociais ou por email