O escritor Marcos Calveiro recibirá o Premio Repsol de Narrativa Breve outorgado á súa novela FONTÁN.
Asistirán ao acto Román Rodríguez González, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Ignacio Egea Kraul, vicepresidente Fundación Repsol, Victor F. Freixanes, director xeral Editorial Galaxia, Marcos Calveiro, gañador do Premio Narrativa Breve Repsol 2015, Loreto Silvoso, periodista da Voz de Galicia e presentadora do acto .
Ao final haberá un Recital a cargo dos membros do Coro Novo da Orquestra Sinfónica de Galicia.
novela biográfica de fondo histórico que se basea na vida de Domingo Fontán (1788-1866), autor do primeiro mapa topográfico e científico de Galicia, a Carta Xeométrica de Galicia. O xurado destacou da obra que "relata con sinxeleza e bo estilo uns feitos da historia científica galega pouco coñecidos".

En "Fontán" xúntase a peripecia vital dun liberal galego que loitou polo espallamento das ideas da Ilustración no noso país co relato dun tempo convulso —a primeira metade do século XIX— no que a ciencia comeza a abrirse camiño fronte á sociedade do Antigo Réxime.

Novela histórica e, ao tempo, novela de formación, Calveiro consegue un equilibrio perfecto entre a recreación histórica e o retrato da personalidade extraordinaria dun científico que participou na loita polo progreso. O autor consegue transmitir a quen le a paixón polo coñecemento e pola liberdade que move o seu protagonista, quen compartía con outros científicos europeos as ideas máis adiantadas do seu tempo.

O xurado estivo formado por Santiago Lopo, gañador da edición anterior, Olivia Rodríguez González, en representación da Real Academia Galega, Mercedes Queixas, como representante da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, Dolores Vilavedra, nomeada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, Isabel San Juan, en representación de Repsol como secretaria con voz e sen voto, e Carlos Lema, en representación de Editorial Galaxia.

Marcos Calveiro (Vilagarcía, 1968) ten colleitado numerosos premios, tanto en literatura xuvenil como de adultos: o White Ravens, o Merlín, o Barco de Vapor, o Premio da Crítica de Narrativa Galega…
O premio está organizado pola Fundación Repsol coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística. A obra gañadora é publicada por Editorial Galaxia e está dotada con 12.000 euros.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR