Entrega da XXV Premio Manuel García Barros na Estrada

Categoría: Nova

Ás 20 horas no Teatro Principal da Estrada, a escritora Anxos Sumai recibirá oficialmente o Premio de Novela Manuel García Barros que este ano gañou coa súa novela 'A lúa da colleita'.
No blogue 'Trafegando Ronseis' falan así de ben desta nova obra de Anxos Sumai: "Unha novela moi ben escrita que nos afasta de lugares comúns para achegarnos a unha muller que sofre de bipolaridade, algo que seguramente adoita parecer ben afastado. A memoria como xoguete, a coincidencia como reflexión, os personaxes como monicreques arredor dun marabilloso argumento que oscila entre as dúas mulleres que presentimos e lemos e que son unha. A procura dun pasado que se dilúe nunha amnesia enfermiza e obsesiva, con presenzas estrañas e acontecementos case inexplicables, personalidades múltiples que gravitan sobre un tempo presente en que o final chega a ser tan contundente como agardado: hai final verdadeiro? Só a morte, e non é o caso.
Imposible non adherirse a estes personaxes que arrastran, a esta vitalidade e a este modo de encarar a vida, os problemas. O vello que fotografa obsesivamente, a amiga que vive e deixa vivir, o hotel que pracidamente convida a lacazanear… A vida, en toda a súa extensión. A vida que emociona. A vida que esgota. A vida que queremos… conservala moito tempo".

Comparte nas túas redes sociais ou por email