A Editorial Galaxia publica o Premio Blanco Amor, obra de Xesús Fraga

Categoría: Nova

Xa temos nas nosas mans a novela gañadora do Premio Blanco Amor 2019: Virtudes (e misterios), do xornalista e escritor Xesús Fraga. Esta é, sen dúbida, unha creación singular, na que o autor decidiu contar a emigración dende a parte dos retornados. Velaí o obxectivo que se propuxo ao encetar esta novela que é, sobre todo, o relato dunha epopea como a que protagonizaron tantas mulleres galegas que, levadas pola adversidade, rematan percorrendo o mundo á procura dun futuro mellor.
Xesús Fraga constrúe unha historia que se centra nas vicisitudes dunha familia das Mariñas coruñesas marcada pola emigración, historia que tamén é a da segunda metade do século XX, e que vai medrando coma quen vai pintando un lenzo a base de sensacións, recordos, fotografías, o diario dunha nai e a voz das testemuñas que o poden contar. Unha obra que ten moitas lecturas e moitos vieiros, polos que o autor nos leva coma se fosen as liñas do metro de Londres, a cidade ao redor da que gravitan os personaxes da novela. É, tamén, a historia dun neto asombrado e dunha avoa poderosa. A historia dos que marchan e que, cando regresan, nin eles son os mesmos nin a terra que deixaron é a mesma.
Xesús Fraga naceu en Londres en 1971 e dedícase profesionalmente ao xornalismo dende hai case 25 anos. Como escritor, é autor de relatos (A-Z), novela (Solimán) e narracións xuvenís (Reo e O elefante branco). Tamén traduciu para o galego obras de autores como Julian Barnes, Robert Macfarlane, Vladimir Nabokov e Jack Kerouac. Entre os premios que recibiu destacan o Blanco Amor, o Raíña Lupa e o Frei Martín Sarmiento.

Comparte nas túas redes sociais ou por email