A Editorial Galaxia publica “Conversas con Ricardo Carballo Calero”, de Carmen Blanco

Categoría: Nova

A Editorial Galaxia publica unha nova edición do libro Conversas con Ricardo Carballo Calero, de Carmen Blanco, co gallo de achegar máis información sobre o autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas 2020. Esta nova edición amosa unha revisión actualizada do texto cun prólogo introdutorio da autora, así como algunhas imaxes que apoian o texto.
Entre os anos 1983 e 1984 Carmen Blanco fíxolle a Ricardo Carballo Calero unha longa entrevista, cuxas partes substanciais se publicaron en libro en 1989. Trinta anos despois da primeira edición, a conversa segue a ser unha contribución esencial ao coñecemento da vida e da obra dunha das personalidades máis relevantes da cultura galega da segunda metade do século XX. Abórdanse nela algúns temas esenciais, como a biografía, a política, a formación intelectual, a crítica literaria, a lingüística, a poesía, a narrativa e o teatro. A través deles vaise configurando a imaxe dunha personalidade enteiramente entregada ao ideal patriótico que constituíu o eixe da existencia a quen a Real Academia Galega dedica o Día das Letras Galegas.
Carmen Blanco é creadora e coordina, con Claudio Rodríguez Fer, Unión Libre e a Asociación para a dignificación das vítimas do fascismo. Publicou poesía, narrativa e ensaio nas obras Un mundo de mulleres, Lobo amor; Vermella con lobos, Atracción total; O contradiscurso das mulleres, Mulleres e independencia, Sexo e lugar, Feministas e libertarias e Letras lilas. Foi alumna de Carballo Calero no Colexio Fingoi e na Universidade de Santiago de Compostela, onde é profesora titular do Departamento de Filoloxía Galega e Portuguesa, o mesmo do que Carballo foi primeiro profesor. Sobre el, publicou Carballo Calero: política e cultura e prologou os seus ensaios Umha voz na Galiza. Estudou a súa figura e a súa poesía en Nais, damas, prostitutas e feirantas.

Comparte nas túas redes sociais ou por email