Editorial Galaxia publica a antoloxía completa de Fiz Vergara Vilariño

Categoría: Destacado, Nova

Galaxia publica nestre tramo final do ano a antoloxía poética de Fiz Vergara Vilariño, escrita por Yago Rodríguez Yáñez. Un traballo necesario e unha gran escolma poética por parte do autor. Atopámonos ante un referente esencial, polo que hai que transitar para entender a nosa poesía actual.
O poeta naceu e morreu na parroquia de Santalla de Lóuzara, no concello lugués de Samos (1953-1997). A súa poesía contiña un marcado carácter social, que foi derivando a un maior intimismo co tempo. Da súa primeira época destacan as obras Para vós (1971) e Encontro cos tiburóns (1973).
A poesía paisaxística, amorosa e existencialista predomina dende Orfo de ti en terra adentro (1976). Desta tendencia son os poemarios Poeta muiñeiro á deriva (1982), Nos eidos da bremanza (Editorial Galaxia, 1990), Pastora de sorrisos (1993) e o póstumo Animal sen fel (1998).
Formou parte do colectivo Cravo Fondo, xurdido en Santiago de Compostela en 1977. Foi un grupo poético que naceu cunha vontade renovadora, autodefinido como revolucionario, nacionalista e comprometido coa investigación creativa coa lingua e a literatura. Poetas da altura de Ramiro Fonte, Xesús Rábade Paredes, Xavier Rodríguez Barrio, Xulio López Valcárcel, Xesús Manuel Valcárcel, Helena Villar Janeiro e o propio Fiz Vergara Vilariño, dábanlle forma a esta sinerxía literaria.
“Por Galicia, pola poesía, Cravo Fondo, verba nova para unha terra ceibe”. En 1977 publican Cravo Fondo, o seu único libro conxunto no que, en forma de manifesto, mostra a vontade de superación do socialrealismo epigonal, sen renunciar á historicidade nin caer no esteticismo. Saliéntase a necesidade de facer recitais non elitistas.
 

Comparte nas túas redes sociais ou por email