A Editorial Galaxia publica “Alba de groria”, de Castelao, ilustrada por Ana Santiso.

Categoría: Nova

A Editorial Galaxia publica Alba de groria, de Castelao, nunha edición ilustrada por Ana Santiso.
A Editorial Galaxia publica unha nova edición, ilustrada, de Alba de Groria de Castelao, no centenario da Xeración Nós da que Castelao foi un dos seus membros máis senlleiros. A recoñecida artista Ana Santiso recrea os personaxes dos que fala o rianxeiro no seu célebre derradeiro discurso. O libro inclúe unhas páxinas onde se identifica con claridade todas e cada unha das personalidades que aparecen no discurso e nos debuxos.
Galaxia leva conmemorando durante todo este ano 2020 o Centenario da Xeración Nós e publica agora unha revisitación do clásico de Castelao en formato álbum, nunha edición na que se coidan todos os detalles e que pon aínda máis en valor o texto de Castelao no que desfilan todas as grandes personalidades da historia de Galicia.
Ana Santiso é ilustradora, debuxante e muralista. Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo obtén o título de Técnico Superior en Ilustración na Escola Massana de Barcelona. Inicia a súa carreira como ilustradora no 2010. Dende entón  ilustrou 17 títulos, dous deles da súa autoría, con diversas editoriais galegas. Como muralista realiza intervencións ao longo de toda a xeografía galega, especialmente en zonas rurais.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo 1886-Bos Aires 1950) é unha das personalidades máis ricas e fecundas do movemento galeguista.
Licenciado en Medicina, abandonou moi cedo a práctica desa profesión para dedicarse ás que eran as súas verdadeiras vocacións: a arte e a reivindicación integral de Galicia. A súa actividade desenvolveuse na creación literaria, no xornalismo gráfico, na pintura, no teatro e na política. Membro destacado da Xeración Nós e home comprometido, no marco do Partido Galeguista, coa defensa da autonomía para Galicia e coa causa republicana, a súa figura alcanzou co paso do tempo unha dimensión mítica. Entre as súas obras máis importantes están Cousas, Cousas da vida, Os vellos non deben de namorarse, Os dous de sempre, Sempre en Galiza e Retrincos. En 2011 a Xunta de Galicia declarou a súa obra Ben de Interese Cultural.

Comparte nas túas redes sociais ou por email