A Editorial Galaxia presenta as súas novidades

Categoría: Nova

Na Editorial Galaxia xa estamos agardando a que o vento do outono nos achegue todas as novidades de inverno.
Comeza a chegar o frío e, con el, a necesidade de novas lecturas que quenten a nosa alma. Este inverno pasaremos moito máis tempo nos nosos fogares e, unha das mellores maneiras para facelo, é mergullándonos a través do pracer lector.
Nun momento no que non podemos viaxar, e apenas socializar, fagámolo coa nosa mente a través das verbas e o talento que, as escritoras e escritores, espallan nos libros. Contemos e deixemos que nos conten historias pois, ao fin de contas, son as que nos forman.
Alimentémonos a base de cultura e protexámonos coa literatura de Xina Vega en O estado intermedio, debut da autora viguesa en Galaxia. Nesta mesma colección, en Literaria, esperamos obras coma Illa Decepción, Premio Repsol 2020, de Berta Dávila, autora que vén de gañar o Premio da Crítica 2019 con Carrusel, e O axolote e outros contos, Premio Illa Nova 2020, de Lara Dopazo.
No ano co centenario da Xeración Nós, a artista Ana Santiso recrea o Alba de Gloria de Castelao que Galaxia publica en formato álbum. Tamén neste formato, pero para o público infantil, publicaremos Acouga, Babau, de R.J. Peralta e Blanca Millán.
Na colección Xohán Ledo, tamén celebramos, a través dunha edición especial ilustrada por Diego Estebo, o 25º aniversario de Que me queres, amor?, de Manuel Rivas.
Para os lectores máis novos, agardamos a chegada de O nariz de Fiz, un libro de Miro Villar, cheo de aventuras. Volve a detective Berta Mir cun novo caso, esta vez sobre chantaxes. Jordi Sierra i Fabra ofrécenos o novo libro Berta Mir detective. O caso do chantaxista roibo.
Sigamos soñando a través da lectura.

Comparte nas túas redes sociais ou por email