A editorial Galaxia, Premio Rosa dos Ventos 2019

Categoría: Nova

 

Concedido anualmente polo alumnado do 5.º curso de Bacharelato do Instituto Santiago Apóstolo de Bos Aires

 

A Editorial Galaxia é a galardoada neste 2019 co premio Rosa dos Ventos que cada ano concede o Instituto Santiago Apóstolo de Bos Aires.

 
Os mozos e mozas do instituto galego da capital arxentina nada máis pechar a votación afirmaron: “Somos conscientes que nos case 70 anos de vida a Editorial Galaxia converteuse nunha protectora do patrimonio cultural de Galicia e hoxe é o referente da edición histórica en lingua galega”. E engadiron: “Dende a súa fundación espallou o traballo dos devanceiros, mais tamén foi fiel ao espírito que os movía a eles e, coma don Ramón Otero Pedrayo, Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla Couto ou Ramón Piñeiro, sempre estivo e está ao carón da xuventude, orientando e apoiando os traballo da mocidade, algo que se ve nas páxinas dos seus libros, onde sempre tiveron cabida as novas voces da literatura, as cales nós coñecemos en parte grazas ás doazóns que Galaxia fixo e fai ao noso colexio”.
Por outro lado, na súa decisión, o alumnado subliñou o feito de que “a Fundación Penzol, a Fundación Isla Couto e a Fundación Otero Pedrayo deben a súa existencia a Galaxia”. “Coñecemos que unha das revistas culturais máis importantes de España –a revista Grial– se edita baixo o seu amparo e, asemade, temos presente que Galaxia inviste os beneficios que produce na propia empresa para ben de Galicia e sabemos que os seus accionistas non reciben dividendos, algo que nos parece un elemento de moita importancia nos mundos que corren, nos que os valores máis elementais da humanidade están en perigo”, engadiron.
Este premio, que recolleron en edicións anteriores Víctor F. Freixanes, Luís G. Tosar, Manuel Rivas, Carlos Núñez, Henrique Monteagudo, Jorge Mira e Fina Casalderrey, recae por vez primeira nunha institución, feito que foi positivamente valorado na decisión. “Cremos que a Editorial Galaxia engloba o traballo de moita xente que desbotando egoísmos e centrando o seu esforzo no ben común quixeron pelexar por un ideal, polo soño de que Galicia tivese cabida no mundo e fose respectada dende a súa singularidade”.
O alumnado maior do instituto galego de Bos Aires entrega este premio con humildade, pois “este galardón non fai xustiza ao que representa a Editorial Galaxia, mais si está outorgado co cariño e o respecto por un labor que oxalá siga a dar froitos para ben da Galicia universal que non coñece fronteiras e da que nós modestamente formamos parte”.


Premio Rosa dos Ventos
O Rosa dos ventos é un premio que desde hai 8 anos outorga o alumnado do último curso de bacharelato do Instituto Santiago Apóstolo de Bos Aires. Con el preténdese homenaxear a un home, muller ou entidade que, sen formar parte da institución, acredite méritos salientables na defensa da identidade fundacional do centro educativo. Asemade, simboliza a irmandade cos premiados para que continúen acompañando o labor pedagóxico da escola e difundan as actividades que desenvolve. Nestes anos, foron premiados o actual presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes (2012), o presidente do Centro PEN Galicia, Luís González Tosar (2013), o escritor e académico, Manuel Rivas (2014), o músico Carlos Núñez (2015), o secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo (2016), o físico Jorge Mira (2017) e a escritora Fina Casalderrey (2018).
 
Instituto Santiago Apóstolo
O Instituto Santiago Apóstolo de Bos Aires vén desenvolvendo dende hai 20 anos un traballo continuo no asentamento, potenciación e espallamento dos valores patrimoniais galegos dentro dun currículo parello ao dos centros asentados na Galicia territorial.
Este centro educativo, xestionado pola Fundación Galicia América (constituída pola Xunta de Galicia e o Centro Galicia de Bos Aires), desenvolve un proxecto educativo bicultural nos niveis inicial, primario e secundario e traballa co obxectivo primordial de brindar unha educación de calidade contrastada, elemento fundamental na promoción dunha escola que leva implícito o nome de Galicia fóra das fronteiras administrativas da Comunidade Autónoma.
Así, a custodia, difusión, reforzamento e desenvolvemento do patrimonio material e inmaterial galego en todos os campos e a oferta dunha educación aberta aos cambios que esixen os novos tempos son alicerces innegociables do centro educativo, piares básicos que sustentan todos os traballos cotiáns.

Comparte nas túas redes sociais ou por email