A Editorial Galaxia no Instituto Cervantes de Londres

Categoría: Nova

O vindeiro martes, 26 de setembro, Día Europeo das Linguas, terá lugar ás 19h no Instituto Cervantes de Londres, un coloquio en colaboración coa revista Brit Es Magazine arredor da historia da Editorial Galaxia e as súas conexións coa lingua inglesa a través das traducións do seu catálogo. No acto participarán o director xeral da editorial, Francisco Castro, quen achegará unha visión global do estado actual de Galaxia e da súa traxectoria histórica; o escritor Xavier Alcalá, que falará da súa experiencia como autor traducido para varias linguas e do papel clave que Galaxia tivo na unión das xentes na diáspora; e a tradutora Sarah Burne James, que ofrecerá unha breve aproximación á literatura galega a través de obras traducidas para o inglés.
Deste xeito, a Editorial Galaxia, a máis antiga de Galicia con 67 anos de historia, aproveitará o foro londiniense para dar conta dos seus esforzos por promover a tradución dende o inglés para a nosa lingua coma unha ferramenta de normalización lingüística. Para o coloquio, partirase de casos tan populares como o da saga Harry Potter, cuxa tradución ao galego supuxo un esforzo ao competir directamente nas librarías coa versión española, ou o da recente publicación na colección de Clásicos Universais de Galaxia do Ulises de James Joyce, cuxa tradución para o galego mereceu, entre outros, o Premio Nacional de Tradución 2014 que outorga o Ministerio de Educación Cultura e Deporte.
En definitiva, nesta xornada presentarase diante do público londiniense o exemplo de Galaxia como unha empresa cultural que nace para construír lingua e país e que consegue medrar nun contexto de resistencia, dende os seus inicio no réxime franquista e a aversión ás linguas peninsulares distintas do castelán, ata a actualidade, onde o fenómeno da globalización prexudica as linguas minorizadas.

Comparte nas túas redes sociais ou por email