A Editorial Galaxia lanza unha nova colección de divulgación científica

Categoría: Nova

Xa nas librerías os primeiros títulos da colección “Lanterna de Aristóteles”

Lanterna de Aristóteles é unha colección de divulgación científica pensada para lectores e lectoras con mentes inquietas e gran curiosidade, de idades comprendidas entre os 10 e os 99 anos. Cando decidimos as características que deberían compartir os títulos que editásemos nesta colección, pensamos sempre que terían que resultar atractivos para esa mocidade con ansia de saber que está nas aulas dos últimos cursos de Educación Primaria e na E.S.O. Este é o noso principal obxectivo pero tamén, dende o primeiro momento, as persoas  adultas que participamos no proceso de creación e edición destes libros dímonos conta de que aprendíamos e no s divertíamos unha chea mentres desenvolvíamos o noso traballo. Seguro que no noso equipo somos un chisco coma nenos e nenas, pero estamos convencidos de que hai moitos máis adultos coma nós.
Queremos comunicar contidos co máximo rigor científico e que recollan os últimos avances do coñecemento. E queremos facelo con moito humor. A retranca non escasea entre nós e deixamos que se filtre entre as liñas, os parágrafos e as paxínas que editamos.
Somos conscientes que unha nena de dez anos non vai ler o libro do mesmo xeito ca o seu avoiño de setenta e catro. Por iso, traballamos moito na organización do texto para que permita diversos tipos de lectura. Queremos satisfacer ao lector ávido de coñecemento que vai comezar pola primeira páxina e non se deterá ata a derradeira. Pero tamén pensamos nas lectoras e lectores que van ter unha relación máis lúdica co libro, que van petiscar contidos en diferentes momentos segundo lle vaia proendo a curiosidade. Eles encontrarán moita información sorprendente e experimentos que poden facer na casa e cos amigos, ben diferenciadas de xeito gráfico do discurso do texto principal. Queremos que poidan abrir o libro ao chou, por calquera páxina, e que sempre atopen unha pílula coa que sorprenderse e divertirse.
Xa temos dous títulos nas librerías. Puf! Vaia peido… Seres sorprendentes con nomes ben ocorrentes de Luisa Martínez Lorenzo e o recente A que cheiran as cores? A esperada guía para coñecer o cerebro de Juan Casto Rivadulla Fernández.
E temos a sorte de que Luisa Martínez Lorenzo, ademáis de ser autora, colabore connosco asumindo a Dirección da Colección.
Por último só nos queda aclarar, aínda que moitos de vós xa o sabedes, que Arístoteles, ademáis de ser un dos grandes filósofos da historia da humanidade, foi tamén un gran científico. Describíu no século IV a.d.C. unha estructura singular que teñen os ourizos de mar no seu aparato dixestivo, que ten unha forma que lle lembrou ás lanternas que se utilizaban daquela. Dende entón todos coñecemos esa parte do ourizo como Lanterna de Aristóteles. Agora xa sabedes de onde ven o nome da nosa colección.
 

Comparte nas túas redes sociais ou por email