A Editorial Galaxia convidada ao Encontre D’Editors de Valencia

Categoría: Nova

A Editorial Galaxia, a través do seu director xeral, Francisco Castro, participará no Encontre D’Editors que se celebra os días 12 e 13 de xullo no Parador Nacional de Benicarló. Trátase do encontro anual das editoras e editores do País Valencià, un foro onde cada ano se reflexiona arredor de distintos asuntos de crucial importancia para o sector editorial. Nesta edición, a única editorial non valenciana convidada é a Editorial Galaxia, que falará do seu traballo arredor da animación á lectura dirixida á mocidade. O convite vén da man da experiencia do Reto Lector que, dende hai dous anos, a Editorial Galaxia desenvolve nos institutos e colexios de secundaria de Galicia.
No encontro falarase tamén de estratexias editoriais para as feiras internacionais, dos booktráilers como mecanismos de comunicación, e haberá un foro de debate e intercambio entre as e os profesionais alí congregados que, sen dúbida, contribuirán a facer mellor, cada día, o noso traballo de editoras e editores.

Comparte nas túas redes sociais ou por email