Domingo Villar, a piques de rematar a súa nova novela

Categoría: Nova

Onte, o autor vigués Domingo VIllar participou en Portugal no festival literario Correntes d'Escrita e nunha mesa redonda do Instituto Cervantes na capital lusa, onde falou da súa próxima novela, 'As cruces de pedra', que verá a luz na nosa editorial nos meses vindeiros.
Recoñeceu que está "nos últimos pasos" da escrita de "Cruces de pedra", a terceira aventura do detective Leo Caldas, na que en forma de novela negra volve esconder "un conto de amor" a Vigo.
Domingo Villar (Vigo, 1971) espera editar este novo misterio investigado polo policía Caldas e o seu axudante, o aragonés Rafael Estévez, nos próximos meses.
Os escenarios vigueses que percorrerán nesta ocasión serán a Escola de Artes e Oficios, a praia de Tirán, e o barco que une Vigo e Cangas.
"Cruces de pedra" será a terceira novela protagonizada por Leo Caldas, tras "Ollos de auga" (2006) e "A praia dos afogados"(2009), polos que recibiu premios como o Sintagma á mellor primeira novela ou o Brigada 21.
"A praia dos afogados" foi presentada na súa tradución portuguesa durante a celebración do festival de expresión ibérica Correntes d'Escrita.

Comparte nas túas redes sociais ou por email