Dobre recoñecemento para Domingo Villar

Categoría: Nova

Esta fin de semana foi especialmente feliz para o escritor Domingo Villar e concretamente para a súa novela 'A praia dos afogados'. O venres recibía o Premio Frei Martín Sarmiento, un galardón que outorgan os escolares de Galicia, neste caso na categoría de adultos, ao mellor libro lido por eles no ano anterior. Un galardón moi cobizado polos escritores e escritoras de Galicia.
Mais tamén nesta fin de semana soubemos que esa mesma novela, que está a coñecer edicións novas en moi pouco tempo, e que está a triunfar xa en moitas linguas e países de Europa, era seleccionada entre as sete finalistas do CWA International Dagger Prize 2011, galardón que entregan os críticos británicos ás mellores novelas negras do mundo.
Entre outros autores, competirán con Domingo Villar por obter o premio escritores da talla de Andrea Camilleri.
Dous novos recoñecementos para o autor vigués que consolidan unha traxectoria ascendente. E unha gran nova para a literatura galega contemporánea.

Comparte nas túas redes sociais ou por email