O 2 de abril celebramos o Día do Libro Infantil e Xuvenil, un dos xéneros máis vivos e de maior calidade actualmente nas letras galegas. Dende Galaxia, aproveitamos para facer un repaso polas nosas últimas novidades para as lectoras e lectores máis miúdos e tamén para aqueles que están dando o salto á literatura para adultos. Claro que a literatura non ten idade, non é?

Precisamente un deses libros que son para todos, grandes e pequenos, é A revolución vertical, do autor kenyano Ngugi wa Thiong’o. Velaquí unha marabillosa fábula sobre a cooperación, a colaboración e o respecto polos demais, que xa foi traducida a máis de oitenta idiomas e que chega agora por primeira vez ao público galego. O conto narra a formación do corpo humano como unha discusión entre as súas partes. Brazos e pernas quererán demostrar que son os máis importantes nunha competición que terá como testemuñas o resto de animais, que os tomarán por tolos, e as outras partes do corpo quererán dicir o que opinan. Como acabará todo?

Para os que aínda comezan a ler, os que piden aínda que se lles conten contos, acaban de chegar ás librarías dous álbums ilustrados: A túa historia, un poema de Kathryn Strobel con ilustracións de Vanesa Álvarez que está cheo de imaxinación; e Cidade Cemento de Ana Santiso, outra entrega poética coa que encher de cores a monotonía do presente e soñar un lugar mellor.

Case poético é tamén o exercicio que leva a cabo Antón Cortizas en Non trabes na lingua, un volume que lle achega aos máis novos a arte de facer trabalinguas e que pon en valor a vertente lúdica do idioma e descobre a parte máis rebuldeira das palabras. E case a carón deste libro de trabalinguas, están nas librarías os protagonistas de A casa do paralelo 54, a primeira novela infantil de Iria Collazo publicada na colección Árbore coas marabillosas ilustracións de Luz Beloso. Tamén Beloso foi a responsable de darlles vida aos personaxes de A nena e o grilo máis aló, o novo e agardadísimo libro+cd de Magín Blanco que xa está de xira polas vilas e cidades galegas.

E rematamos as nosas recomendacións con O misterio da serpe, a estrea literaria de Antonio Seijas, unha novela onde o mundo e a realidade teñen máis caras das que cremos. Cando Luz, a piques de comezar un novo curso na universidade, coñece unha muller en busca do seu pasado, e embarca con ela nunha aventura chea de misterio, soños, autocoñecemento e historias que se entrecruzan e das que será parte ata o fin, ao tempo que comproban que a natureza garda segredos impensables.

Velaquí pois un feixe de títulos e razóns para celebrarmos o Día da Literatura Infantil e Xuvenil. E os que están por vir!

 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR