Día do Libro Infantil e Xuvenil

Categoría: Evento

Hoxe, 2 de abril, celebramos o Día do Libro Infantil e Xuvenil, un dos xéneros máis importantes nas letras galegas.
Dende Galaxia aproveitamos para amosarvos as nosas últimas novidades para os máis pequenos da casa. A viaxe de Ana, de Alberte Momán, é un libro para compartir. Ilustrado por Lidia Nokonoko, é unha fábula chea de luz que nos conta que o importante non é o que parecemos, senón quen somos en realidade.

Recomendado para lectoras e lectores de todas as idades, Cen sementes que voaban, de Isabel Minhós Martins, é un libro que celebra a resistencia das sementes e a intelixencia das árbores e da natureza. Ao igual que Distancias, de Tamara Andrés e Marcos Viso, un álbum ilustrado sen fronteiras nin idades, unha pregunta constante, un deixarse levar.
Porque te quero, de Baldo Ramos, é un exercicio poético que pode lerse practicamente igual de esquerda a dereita que de dereita a esquerda. Ilustrado por Anxo Rodríguez Fariña.
Mar Guerra tamén xoga co abecedario en Rimaletras, acompañada polas ilustracións de Blanca Millán. Porque as letras rimaletran. E rimaletrando van viaxando polo noso corazón divertido.
Para as lectoras e lectores máis maiores, Teño oito anos e quero ser youtuber, de Xoán Babarro, con ilustracións de Luz Beloso, pode ser unha escolla ideal. Ser youtuber é algo máis que sorprendente… Tamén O caderno de Rosalía, de María Xesús Blanco amosa unha historia fermosa ilustrada por Kristina Sabaite.

Ata 10, de Laura Titimoki e Teño medo, de David de la Iglesia, son a mellor elección para os pequenos que comezan a ler.
Co gallo de levar a corentena o mellor posible, recomendámosvos participar no noso concurso para a cativada, no que poden gañar un lote de 10 libros a escoller no noso catálogo.

Concurso para a cativada

Comparte nas túas redes sociais ou por email