Xunto con Canle segredo ofrecemos tamén Vento de sal, o máis recente poemario de Xosé María Álvarez Cáccamo, unha das grandes referencias da poesía galega dos nosos días e fillo da figura homenaxeada no Día das Letras. Dalgún xeito, aínda que non sexa máis ca dunha maneira simbólica, pai e fillo dialogan poéticamente, un ao carón do outro, neste lanzamento común.

Xosé María Álvarez Cáccamo, que xa recreara o entorno familiar e a memoria do seu pai no seu libro Memoria de poeta (colección MEMORIA), anuncia para as próximas semanas unha nova entrega de lembranzas, evocacións e estampas literarias arredor da figura de Xosé María Álvarez Blázquez e o seu contorno social, cultural e familiar.

Alfonso Álvarez Cáccamo, fillo tamén de Álvarez Blázquez, anuncia asemade unha nova entrega, neste caso de narrativa, para a colección COSTA OESTE.

Mais os días que corren, coa primavera a agromar, son para a poesía. A colección DOMBATE ofreceu aos seus lectores ultimamente algunhas entregas importantes e celebradas: Vigo de Helena de Carlos, poemario escrito dende a madurez coa memoria da infancia e da adolescencia; Eume, de César Antonio Molina, viaxe ás orixes do río mítico, que no texto de Molina encarna os ríos todos do mundo; Derradeiras conversas co Capitán Kraft, de Oriana Méndez, un auténtico descubrimento das novas xeracións, igual que Os hemisferios de María do Cebreiro, reafirmación neste caso dunha traxectoria cada vez máis segura; Cabalgada na brétema, o máis recente poemario de Darío Xohán Cabana, ou Teatriños, de Erín Moure, libro que quedou finalista do Griffin Poetry Prize, en 2006, e que publicamos a dúas linguas: inglés e galego.

Son os títulos máis recentes dun catálogo que medra a seis ou sete entregas anuais, e onde figuran autores de xeracións distintas, de estilos e olladas diferentes, dende Chus Pato ou Manuel Outeiriño a Xosé María Díaz Castro (Nimbos), Xavier Rodríguez Baixeras, Pâul Celan (A rosa de ninguén), Manuel Antonio, Miguel Anxo Fernán-Vello, Alberto Avendaño, Bernardino Graña, Ramón Otero Pedrayo, Álvaro Cunqueiro…

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR