Cunqueiro, Príncipe das Letras

Categoría: Nova

O acto contou coa participación de Víctor F. Freixanes, codirector da revista, Dolores Vilavedra, coordinadora do número, Manuel Forcadela, profesor de Filoloxía, e César Cunqueiro.

O ano Álvaro Cunqueiro cérrase con este número de GRIAL (192) dedicado ao autor de Mondoñedo. Cérrase ou ábrese, segundo queiramos velo, pois o pasado 22 de decembro cumpríronse cen anos do nacemento do escritor e 2012 é o primeiro ano do seu centenario. Da man de Dolores Vilavedra e Víctor F. Freixanes, GRIAL preparou un número no que se recollen traballos de Manuel Forcadela (para unha nova lectura da poesía de Cunqueiro), María Liñeira (arredor de Don Hamlet cunqueirián), Xosé Manuel Dasilva, que continúa cos seus traballos sobre as relacións dos escritores galegos coa censura franquista, Fernando Valls (Cunqueiro en castelán), e César Cunqueiro que explora novas interpretacións da narrativa nun ensaio que é un adianto dun libro máis ambicioso que está a preparar sobre a obra do seu pai.

A maiores, Xosé-Henrique Costas e Iago Castro presentan e comentan "poemas esquecidos anteriores a 1933". Estes dous profesores son autores da segunda entrega da poesía completa en galego de Álvaro Cunqueiro (1933-1981) que vén de publicar Galaxia dentro das conmemoracións do pasado ano (Biblioteca Álvaro Cunqueiro. Literaria).

O número inclúe a derradeira entrevista que concedeu Cunqueiro, pouco antes de morrer. Cunqueiro faleceu na cidade de Vigo o 28 de febreiro de 1981, e a entrevista que reproducimos é do 5 de xaneiro. O seu autor, César Morán, profesor, ensaísta, músico e poeta, traballaba daquela na obra do autor de "Merlín e familia" e visitouno para completar a información dos seus estudos.O resultado é unha fermosa entrevista, clarificadora, aberta, con humor e erudición, arredor do universo cunqueirián e coa participación de familiares e amigos que o visitan.

César Morán é autor tamén do libro/disco "Haberá primavera" (Galaxia, 2011), no que recolle e pon música a catorce composicións poéticas de Álvaro Cunqueiro e no que se reproduce tamén, nun segundo CD, a entrevista que transcribimos neste número de GRIAL.

Comparte nas túas redes sociais ou por email