Convócase o XII Premio de Narrativa Breve Repsol

Categoría: Nova

Convocado pola Fundación Repsol, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e a Editorial Galaxia, o Premio de Narrativa Breve Repsol chega á súa 12ª edición.
A dotación económica do premio ascende a 12.000 euros e inclúe a publicación da novela curta por parte da Editorial Galaxia na súa colección Literaria.
As obras poderán enviarse ata o próximo 31 de xullo. Os textos deberán ser orixinais e escritos en galego, conforme á normativa establecida pola Real Academia Galega, cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120.
Unha vez pechado o prazo, un xurado decidirá a obra gañadora que se dará a coñecer no mes de setembro. Estará conformado por cinco membros, que representarán a Fundación Repsol, á Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería, á Real Academia Galega, á Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e á Editorial Galaxia.
O Premio de Narrativa Breve Repsol botou a andar no ano 2006 e a día de hoxe é un dos galardóns máis importante do noso panorama Literaio. Na primeira edición gañouno o xornalista Miguel Sande con Se algún día esta muller morta, mentres que o profesor da USC e xornalista Xavier Lama acadou un accésit con O insomnio dos centauros. Na segunda, en 2007, a gañadora foi Anxos Sumai coa obra Así nacen as baleas. Na terceira, en 2008, o narrador, dramaturgo e debuxante humorístico Xosé Luís Martínez Pereiro obtivo o galardón polo traballo A verdade como mal menor. Na cuarta, en 2010, o premio foi para o escritor Xurxo Sierra, pola peza Os fíos. A quinta, no ano 2011, gañouna Fernando Díaz-Castroverde Gómez, por Microbios e outros paquidermos. En 2012 fíxose co premio María López Sández, con A forma das nubes. Na edición 2013, o premio recaeu en Berta Dávila, por O derradeiro libro de Enma Olsen; en 2014, en Santiago Lopo pola peza A diagonal dos tolos; en 2015 en Marcos S. Calveiro, por Fontán; en 2016 en Daniel Asorey por Nordeste en 2017 en Xosé Antonio Neira Cruz por O soño das sereas.
Podes consultar as bases desta convocatoria aquí.

Comparte nas túas redes sociais ou por email