Convócase o Premio Illa Nova 2018

Categoría: Nova

Despois do éxito da novela premiada en 2017, A vida sinxela de Marcelo Firmamento de Vanesa Santiago, a Editorial Galaxia convoca a segunda edición do Premio Literario Illa Nova de Narrativa 2018 para autores e autoras menores de 35 anos co obxectivo de estimular a creación. En 1957 a Editorial Galaxia botou a andar a colección Illa Nova, coa que pretendían dar continuidade ao proxecto da editora a través das novas xeracións, sempre con vontade de renovación. Xohana Torres, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Luís Franco Grande, Bernardino Graña, Camilo Gonsar, María Xosé Queizán ou Carlos Casares foron algúns deses novos valores que publicaron na colección onde saíron algunhas das principais obras do que se deu en chamar “Nova Narrativa Galega”. Con esta mesma finalidade de abrir un camiño a quen está comezando no mundo da creación literaria, en 2017 nacía o Premio Illa Nova de Narrativa, que este ano acada a súa segunda edición.

Poderán optar ao premio as persoas menores de 35 anos, que envíen unha novela inédita ou un conxunto de relatos cunha extensión mínima de 100 páxinas antes do 15 de xaneiro de 2018. A decisión do xurado farase pública nun acto en Vigo que se celebrará en marzo de 2018. A obra premiada será publicada na colección Literaria da Editorial Galaxia. E o premio, indivisible, de 3,000 euros (suxeitos ás retencións fiscais correspondentes), virá acompañado ademais dunha escultura simbólica conmemorativa do Premio Illa Nova de Narrativa.

Podes descargar as bases ao completo aquí. Anímate a enviarnos a túa proposta!

Comparte nas túas redes sociais ou por email