Conversamos con Vanesa Santiago, Premio Illa Nova 2017

Categoría: Nova

No outono de 2016 botaba a andar o Premio Illa Nova de Narrativa para autoras e autores menores de 35 anos, unha iniciativa da Editorial Galaxia para apoiar a creación e darlle a benvida ao catálogo da colección Literaria ás voces máis novas do panorama en lingua galega. Emprendiamos así un proxecto que apostaba polo futuro como 60 anos antes o fixeran o fundadores de Galaxia ao fundar a mítica colección Illa Nova, que sería viveiro para a despois chamada Nova Narrativa Galega.
Nesa primeira edición, fallada xa na primavera do 2017, imporíase A vida sinxela de Marcelo Firmamento, a primeira novela para adultos de Vanesa Santiago (Fontán, Sada, 1983), o relato engaiolante dunha vida singular co mellor do realismo máxico galego e latinoamericano que foi un éxito de crítica e de lectores durante meses.
Agora que xa está aberto o prazo para o Illa Nova 2019, conversamos con Vanesa Santiago sobre a súa experiencia no Premio.
Por que te presentaches ao Premio Illa Nova? Sendo a primeira edición, que foi o que atopaches na filosofía deste Premio que non che ofrecesen outros?
Presenteime ao Premio Illa Nova porque chegou no momento oportuno, e estou a falar dunha conxunción astroliteraria que combinou tres puntos estelares: o primeiro, ser un premio para menores de 35, e eu, que andaba daquela polos 33, crin que tiña que ser naquel intre ou nunca. O segundo, supor un reto nun instante de baleiro laboral. E o terceiro e último, pero fundamental, ter madura unha historia que contar. A isto súmase que o Premio Illa Nova era, e é, un premio convocado directamente por Galaxia, unha das editoras de maior percorrido do país, e un garante da valía do proxecto.
Que supuxo para ti gañar o Premio Illa Nova 2017?
Ademais da gran emoción e o forte impulso anímico que supón gañar un premio, e máis o primeiro do ronsel, a mellor recompensa é sentir que se achanda e se lle poñen luces e frechas ao camiño que remata no encontro entre un libro e o público que o vai ler.
Que foi o mellor que che trouxo consigo a publicación de A vida sinxela de Marcelo Firmamento?
Así como a demostración de que a literatura con compoñentes fantásticos ten espazo no andel da literatura para adultos, permitiume saldar a débeda coa xente do mar coa que medrei e cos meus avós, dos que tantas historias escoitei.
Despois destas dúas edicións, cal cres que está sendo a acollida do Premio por parte das autoras e autores máis novos? Cres que son necesarios máis galardóns deste tipo?
Como autora, resulta difícil valorar cuantitativa e obxectivamente a acollida do Premio; dunha óptica subxectiva, podo dicir que crea rede entre autoras e autores novos, así que a acollida véxoa positiva. Este tipo de galardóns nunca están de máis, porque fomentan esa fraternidade literaria que veño de amentar e permiten marcar obxectivos de prazos nunha labor, como é a escrita, que moitas veces estira o punto e final de xeito indefinido, ademais de aportar a sempre necesaria visibilidade mediática sobre a obra e a traxectoria da persoa premiada.
Algún consello para o/a gañador/a da vindeira edición?
Que goce o momento no que a adrenalina se torna protagonista e o garde coma un tesouro no corazón. E que, xa en calma, aproveite todo o que aprenderá desta experiencia a longo prazo. Mais sei que é un consello absurdo porque, quen non o faría así?

Comparte nas túas redes sociais ou por email