Despois dunha exitosa primeira edición e aínda co sabor a salitre na boca tras a lectura de A vida sinxela de Marcelo Firmamento, en 2018 fíxose co Premio Illa Nova de Narrativa para menores de 35 anos, Antía Yáñez (Burela, 1991). Senlleiras, que vai xa pola súa cuarta edición en pouco máis de cinco meses, converteuse nun éxito entre lectores, crítica, e tamén nos centros de ensino, onde este berro de denuncia contra a violencia de xénero ten chegado xa a centos de rapazas e rapaces.

Agora que xa está aberto o prazo para o Illa Nova 2019, e despois de termos lido a experiencia de Vanesa Santiago, gañadora da primeira convocatoria en 2017, conversamos desta volta con Antía Yáñez.

Por que te presentaches ao Premio Illa Nova? Que foi o que atopaches na filosofía deste Premio que non che ofrecesen outros?

Os premios literarios son alicientes que me animan a seguir escribindo. Ter uns prazos que cumprir (no caso da data de entrega) e un premio ao que aspirar fan que me “poña as pilas” dunha forma que doutro xeito me custaría moito máis (é o que ten ser unha indisciplinada). No caso específico do premio Illa Nova, atraíanme principalmente dúas cousas: a primeira, que fose convocado por unha editorial como Galaxia, con tanta traxectoria detrás (quen me ía dicir a min que ía pasar de estudar no instituto os autores e autoras que alí publicaban para, anos despois, estar eu no seu catálogo?); e a segunda, que fose convocado para autores menores de 35, para descubrir novos talentos. Apostar pola xuventude, que moitas veces é sinónimo de inexperiencia, posto que moita xente participante non publicou ou publicou moi pouquiño, é todo un reto. Iso foi o que máis me atraeu da súa filosofía: deume pulos para crer que podía conseguilo e aló fun.

Que supuxo para ti gañar o Premio Illa Nova 2018?

O 2018 foi un ano xenial e moito diso ten que ver con este premio. A repercusión nos medios é brutal, foi o que máis me sorprendeu. Concedía entrevistas sen saber ben nin o que dicía: andaba coma nunha nube. Que supuxo para min gañar o premio? Poder crer que de verdade o que escribía lle interesaba a alguén. Son consciente de que hai que seguir mellorando e aprendendo durante o camiño, a todas horas e ata que o corpo aguante, pero o Illa Nova fixo que pasase de facelo andando a ir en moto. Agora vou máis confiada.

Que foi o mellor que che trouxo consigo a publicación de Senlleiras?

O contacto coas lectoras e lectores, sen dúbida. Que alguén a quen non coñeces che fale polas redes para dicirche “lin o teu libro só porque subía nota pero ao final resulta que me encantou e é un dos meus favoritos” é un subidón. Non hai palabras para expresalo. Antes do Illa Nova só publicara O misterio de Portomarín e xa falaba moito cos rapaces e rapazas dos colexios aos que ía, pois a súa opinión era para min a máis interesante, pero con Senlleiras foi incluso mellor. A xente de máis idade ten un maior acceso ás redes sociais e recibo moitas máis opinións. A min iso sérveme para mellorar.

Despois destas dúas edicións, cal cres que está sendo a acollida do Premio por parte das autoras e autores máis novos? Cres que son necesarios máis galardóns deste tipo?

Creo que hai moitos autores e autoras novas ás que este premio lles interesa, sobre todo porque moitas veces somos nós mesmas as que nos freamos. A min ás veces custábame (e ségueme custando, aínda que un chisco menos) participar en certames porque pensaba “pero a onde vas? Non ves que van participar autores e autoras moito mellores ca ti, con máis traxectoria, máis libros, máis de todo?”. E xa nin quería intentalo. Por debaixo dos 35 hai unha morea de talento tamén, non me interpretes mal, pero o feito de que o certame estea dirixido a descubrir “novos talentos” deume confianza, que moitas veces é algo que nos falta.

Algún consello para o/a gañador/a da vindeira edición?

Que se deixe levar e desfrute do ano que lle agarda, que vai ser xenial. É o mesmo consello que me deu Vanesa Santiago, gañadora da primeira edición, e non podería ser máis acertado.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR