Continúan as presentacións de Sándalo

Categoría: Nova

O próximo sábado 25 de maio ás 12:30h terá lugar a presentación de Sándalo, a nova obra de María Xosé Porteiro, na libraría Trama en Lugo.  Acompañando a autora estarán a artista plástica Luz Darriba, o xornalista Martín Fernández Vizoso e Francisco Castro, director xeral da Editorial Galaxia.
María Xosé Porteiro percorre douscentos anos de historia entre Europa e América na súa nova novela da colección Literaria de Galaxia. Fitos heroicos, Ulises galaicos, orixas afrocubanas, secretas sociedades de figuras públicas, independencias políticas e pendencias eróticas, saltan de tempo e lugar nunha viaxe emocionante con corpo de relato. Páxinas que estimulan os sentidos e os sentimentos do lector para facerlle cómplice da relación antiga e inmorrente de dous universos unidos pola Corrente do Golfo: Galicia e Cuba.
Ademais de Lugo, Sándalo percorrerá tamén outras zonas de Galicia da man da súa autora. María Xosé Porteiro presentará en Vigo o 30 de maio na Libraría Cartabón ás 20:00h; en Madrid, o 6 de xuño na Casa de Galicia ás 20:00h; en Ourense, o 11 de xuño no Foro La Región ás 20:00h; en Pontevedra, na Casa das campás ás 20:00h; e na A Coruña, a inicios do mes de agosto durante a Feira do Libro.
Non vola podedes perder!

Comparte nas túas redes sociais ou por email