Continúa o fenómeno arredor de O último barco

Categoría: Nova

Despois da multitudinaria presentación do día 7 de marzo no salón de actos da Escola de Artes e Oficios de Vigo, onde case duascentas persoas se reuniron para festexar o lanzamento de O último barco, continúan os éxitos para esta terceira entrega protagonizada polo inspector Leo Caldas.
Máis de hora e media estivo Domingo Villar asinando exemplares do seu novo libro o pasado xoves, nunha ringleira que saía da sala e á que se incorporaron tamén persoas que, por cuestión de aforo, non puideron asistir á presentación. Este éxito de público, vese tamén reflectido nas librarías da cidade de Vigo, onde en moitos casos, O último barco se esgotou ás 48 horas de chegar ás mesas de novidades. E por suposto, o fenómeno de Leo Caldas chega tamén ás redes sociais, onde lectoras e lectores non deixades de facernos chegar as vosas impresións sobre un libro que, nas súas impoñentes 800 páxinas, discorre coma unha río, imparable.
Esta semana, haberá novas oportunidades de sinaturas e preguntas con Domingo Villar. O martes, será a quenda da Coruña, en Moito Conto; o mércores, no Casino Ferrolán e da man de Central Librera; e o xoves, visitaremos Cronopios en Santiago de Compostela. Todos os días ás 19:30h do serán. Agardámosvos!

Comparte nas túas redes sociais ou por email