Coñécense as obras finalistas da Gala do Libro Galego 2018

Categoría: Nova

A última hora da tarde de onte dábase a coñecer a listaxe de obras finalistas da Gala do Libro Galego 2018. Organizada pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia (FLG) o acto no que se darán a coñecer as obras gañadoras celebrarase o sábado 19 de maio de 2018 no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Con estes premios preténdese recoñecer a excelencia do traballo realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2017 en Galicia. Estas distincións, sen dotación económica, xorden, en primeira instancia, das propostas das bases asociativas das tres entidades convocantes, para posteriormente seren sometidas a un proceso de preselección e á valoración e fallo por parte dun xurado externo.

En Galaxia estamos de festa por que seis dos nosos libros editados ao longo do 2017 son finalistas en distintas categorías: Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-1863), de María Xesús Lama, na cateogría de Ensaio e investigación; O xardineiro dos ingleses, de Marcos Calveiro, en narrativa; Os nenos da varíola, de María Solar, en literatura xuvenil; o compendio de Tonecho, de Xaquín Marín, en banda deseñada; Na casa da avoa, de Marta Dacosta, en poesía; e o monólogo poético Na butaca. Fantasía Nº 3 en Dor Maior, de Sther F. Carrodeguas, en teatro.

Vaian os nosos parabéns para todas e todos eles e vémonos na festa do 19 de maio!

Comparte nas túas redes sociais ou por email