Concerto de A GRAMOLA GOMINOLA en Cangas

Categoría: Nova

A primeira sesión do festival de música infantil, ‘CANtiGAS no Nadal’, organizado polo Concello de Cangas coa produción de Editorial Galaxia, será de balde pois hai un apoio da SXPL. Será o concerto a cargo de A Gramola Gominola -28 de decembro- e será de libre acceso ata completar o aforo previsto. O prezo para os outros dous concertos, nos que actuará Magín Blanco -29 de decembro- e Mamá Cabra -30 de decembro- manterase a cinco euros para cada un deles. Tamén se pode mercar un abono para todo o festival, que será de dez euros.
‘CANtiGAS no Nadal’ arrincará o 28 de decembro coa Gramola Gominola, unha agrupación que sorprenderá aos máis pequenos e pequenas -aínda que tamén aos adultos- a través do repaso de todos os xéneros que practican, como é o rock’n’roll, blues, reggae ou mesmo punk. O 29 de decembro Magín Blanco realizará un espectáculo baseado no seu libro-disco "A nena e o grilo" e acompañado por Teatro Ghazafelhos. O festival dedicado aos nenos e nenas da comarca finalizará o 30 de decembro con Mamá Cabra, unha agrupación que conta con Gloria Mosquera á cabeza e que presentará tamén o seu último libro-disco, "A bruxa Discordia". Neste álbum, o grupo colabora coa escritora gaditana Carmen Gil, especializada en literatura infantil e que se encarga de poñer texto a unha historia destinada a fomentar a paz e inculcar entre os pequenos e pequenas toda unha serie de valores positivos.

Entradas

As entradas para os concertos do festival, que se desenvolverán a partir das seis da tarde no Auditorio de Cangas, poderanse adquirir por 5 euros na billeteira do recinto desde dúas horas antes do comezo de cada sesión. O bono de dez euros está dispoñible na Casa da Xuventude ata o próximo día 23 de decembro e garantirá o acceso gratuíto ao concerto da Gramola Gominola.

Comparte nas túas redes sociais ou por email