“POETAGRAFÍA. Encontro coa poeta e fotógrafa Patricia Rivas Gallego”, será a primeira en celebrarse.

Dende a Escola de Letras, e como se anunciou cando iniciou a súa andaina, ofrécese a todas as persoas que participan nos Obradoiros, a posibilidade de asistir a sesión de Masterclass con autoras e autores para que conten o seu proceso de traballo, como elaboran as súas propostas, como desenvolven un Proxecto literario… POETAGRAFÍA. ENCONTRO COA POETA E FOTÓGRAFA PATRICIA RIVAS GALLEGO, será a primeira en celebrarse, o día 20 de xullo, ás 17 h, na sede da Deputación de Pontevedra, en Vigo.

Patricia Rivas Gallego vén de presentar Prana Apana, o seu primeiro traballo na Editorial Galaxia, un proxecto que, nun contexto onde a cultura é visual, busca mostrar unha poesía da intimidade comunicándose a través dunha linguaxe de imaxes e palabras. A autora fixo no seu libro un exercicio de Poetagrafía, mesturando a imaxe e a palabra para crear un mundo singular e literariamente moi interesante. Sen dúbida, será unha sesión na que todas e todos os asistentes poidan aprender cousas novas.

Patricia Rivas Gallego naceu en Vigo en 1976, ten estudos de Filoloxía Galega e é educadora social. Impartiu obradoiros de animación á lectura e creación literaria. Xunto con Felipe Sánchez, creou no ano 2000 o grupo C@ntacontos, de música e narración oral. Colaborou en diferentes revistas, como HGT, Saludterapia, Vinos y Caminos…, e exposicións de fotopoesía co Colectivo e Mezzo (Metropol’areo) e individuais (#poetógrafa). É membro do grupo Sinerxias, co que fai improvisación poética. Este é o seu primeiro traballo na Editorial Galaxia.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR