Comezan os actos arredor do concurso INSPIRACIENCIA

Categoría: Nova

Por segundo ano consecutivo, Editorial Galaxia participa na organización e desenvolvemento de INSPIRACIENCIA, un concurso de relatos de inspiración científica que é, ao tempo, unha invitación a todos a pensar e imaxinar a ciencia, a través da escritura. Poderá participar calquera persoa que presente un relato orixinal que estea inspirado nunha temática científica, sexa cal for o xénero literario.
Entre os premios, dispositivos electrónicos, libros de divulgación, cursos de escritura…
O certame está aberto á participación en galego, castelán e catalán, e na súa organización participan como o CSIC a Escola D'Escriptura de Barcelona ou a Escuela de Escritores de Madrid.
Á dereita destas liñas deixamos a ligazón á web oficial de INSPIRACIENCIA onde poderás descargar as bases do certame así como acceder ao programa de conferencias que se desenvolve en todo o estado.
No caso galego, as actividades comezan este martes, 29 de xaneiro, ás 20 horas, na Casa do Libro de Vigo, onde o escritor e editor de Galaxia, Francisco Castro, pronunciará unha conferencia titulada "Leonardo e Verne, soñadores do futuro". A conferencia está contemplada dentro do ciclo "PASADOS, PRESENTES E FUTUROS DA CIENCIA NA LITERATURA" e que se desenvolve simultanemente, dentro do programa INSPIRACIENCIA nas cidades de Barcelona, Madrid, Valencia, Vigo e Zaragoza.
A conferencia será presentada por Luisa Martínez Lorenzo, da Unidade de Cultura Científica da Delegación Institucional do CSIC en Galicia.

Comparte nas túas redes sociais ou por email