Comeza o Ano Cunqueiro

Categoría: Nova

Cúmprense 30 anos do falecemento en Vigo de Álvaro Cunqueiro, o 28 de febreiro de 1981. Aínda que en Galaxia gustamos máis de celebrar os nacementos ca as defuncións, comeza simbolicamente o Ano Cunqueiro, que ven cheo de actividades.

Contra a primavera a Consellería de Cultura inaugurará na Casa da Parra de Santiago a exposición "O niño novo do vento", comisariada por Dolores Vilavedra, María Liñeira e Víctor F. Freixanes, producida por Merlín Comunicación, e que viaxará por 8 cidades de Galicia, rematando en decembro na Fundación Penzol de Vigo. Tamén haberá versións en castelán e portugués para o Instituto Cervantes e o Instituto Camoes, en colaboración co Consello da Cultura Galega.

Editorial Galaxia recuperará este ano títulos do autor de Merlín e familia. Unha das novidades será a edición en varios volumes dos seus artigos en lingua galega, ordenados cronoloxicamente e editados polo profesor Henrique Costas. Na colección Biblioteca de Autor presentaremos o segundo volume da poesía completa, que atinxe dende 1933 ata o falecemento do escritor, tamén editado por Henrique Costas. Coincidindo co aniversario do ingreso de Cunqueiro na RAG, volveremos editar na mesma colección "Tesouros novos e vellos", discurso de ingreso de Cunqueiro na devandita institución ao que respondeu o seu amigo Francisco Fernández del Riego. O libro leva tamén un prólogo do ensaísta Rof Carballo.

Xosé Cermeño prepara unha viaxe pola cociña de Álvaro Cunqueiro, na que entre outras cousas recuperaremos, ademais da visión gastronómica do escritor, receitas familiares da casa de Cunqueiro e da súa esposa, Elvira González-Seco. A cociña galega de Álvaro Cunqueiro e unha ampla selección das devanditas receitas familiares amosarán unha das facianas máis características de quen, entre outras cousas, soubo reinventar a cociña galega.

Cara o final do ano a revista Grial publicará un número especial dedicado ao escritor de Mondoñedo.

Comparte nas túas redes sociais ou por email