Chuquelo e Punver: ¡flis-fli-ris-flás!

Categoría: Nova

'Os oficios de Chuquelo', de Pinto & Chinto, 'Punver de volta', de Yolanda Castaño, e 'Flis-fli-ris-flás', de Araceli Gonda, son os tres novos títulos que a nosa editorial publica na colección 'Os Duros'.
Pinto & Chinto, autores ben coñecidos polo seu labor diario en La Voz de Galicia, contan a historia de Chuquelo, un can un chisco desastroso, sen oficio nin beneficio que só atopa un certo estímulo en desenterrar ósos.
Yolanda Castaño, pola súa banda, recuperar o punki-vermiño que xa é ben coñecido por miles de nenos e nenas galegos neste 'Punver de volta', ilustrado por Eduardo Hermida. O verme, coa súa cabeza atolada, volverá a entreter aos máis pequechos da casa.
Completan esta nova fornada dos Duros o 'Flis-fli-ris-flás', conto ilustrado por Xosé Tomás e que xa forma parte dunha boa parte das crianzas do noso país pois o ano pasado xirou por toda Galicia dentro dunha campaña de animación á lectura promovida pola nosa editorial. Agora, aparece como libro independente a historia de Martiño, un cativo con problemas para coller o sono.
Tres Duros para encetar este inverno que vén cheo de palabras.

Comparte nas túas redes sociais ou por email