Chegan ás librarías dous novos poemarios: Santa Morte e Óstraka

Categoría: Nova

Os poetas Manuel Darriba e Luís Valle dan forma a dous novos poemarios, Santa Morte Óstraka, onde reflexionan sobre os límites do real e desmemoria e fragmentario da vida, respectivamente.
Manuel Darriba (Sarria, 1973), galardoado no 2010 co Premio González Garcés de poesía por Os indios deixaron os verdes prados, publica agora o seu novo libro, Santa Morte, da man de GalaxiaTras nove anos sen realizar ningunha publicación poética, regresa ás librarías co traballo de case unha década que cristaliza nun libro de madurez que supón un cambio de perspectiva respecto do resto da súa obra. Tomando como eixo a obsesión polo límite, tanto temporal como existencial e artístico, ao longo das súas páxinas de Santa Morte despréganse un conxunto de metáforas que carrexan sombras e luz, tinguidas cun punto irónico infiltrado de piedade e desposuído de cinismo. Neste novo libro, Darriba trasládanos a unha concepción do mundo perecedoira, mais que dota de significado á súa existencia, a súa concepción como algo real.
Luís Valle (Lugo, 1977) achégalle aos lectores Óstraka, un libro que supón a culminación de dúas décadas de producción poética pola que obtivo numerosos galardóns. Unha reflexión sobre a vida, a linguaxe e o finito da existencia onde aborda o esquecemento dunha parte das palabras e dos contextos vitais do eu poético a través dunha escrita caracterizada polo estilo fragmentario, precario e marxinal, que se deixaba ver xa en obras anteriores. Un conxunto de versos que, en definitiva, tratan de construír e nomear a desmemoria e todo aquilo que vai caendo na insignificancia.
Dombate, a colección de poesía de Galaxia, incrementou nos últimos anos o seu número de novidades, colocando o xénero poético nun lugar crucial da literatura na nosa sociedade. Sexan benvidos agora estes dous poemarios de Luís Valle e Manuel Darriba.

Comparte nas túas redes sociais ou por email