Estes días chegaba ás mesas de novidades As ramonas, a primeira novela de Ana Cabaleiro, que foi ademais merecente do Premio Manuel García Barros 2018. Un dos libros máis agardados dos últimos meses.

Mona Otero é unha muller loitadora e soñadora que persegue con ansia, e mesmo con desesperación, a súa meta de triunfar no mundo da arte. A protagonista, sancionada coa perda do carné de conducir, non pode dispoñer de coche propio, polo que depende doutras persoas para desprazarse. Toda a historia que se narra en As ramonas emana do interior de sucesivos vehículos desde os que a protagonista nos vai amosando un rosario de factores que delimitan a súa existencia: a competitividade, a autoestima, os odios, a pobreza, a familia, o abandono, as aparencias, a falsidade do éxito, a dignidade. Mais Mona Otero é só un fío do nobelo no que se vai xuntando con outras ramonas —unhas veces complementarias, outras opostas— e a partir do cal van formando un complexo mundo de mulleres.

A novela de Ana Cabaleiro é, ademais, o retrato dunha sociedade rural en mutación, cun pé asentado na tradición e nos lazos familiares e co outro alancando cara á globalización.

Ana Cabaleiro (Saídres, Silleda, 1974) é licenciada en Xornalismo, profesión que exerce intermitentemente desde hai dúas décadas. Cursou, ademais, o Master en Estudos Teóricos e Comparados da Literatura e da Cultura da USC, no que investigou e publicou sobre contracultura e ciberactivismo artístico. Tamén ten traballado no eido da discapacidade intelectual e no da cooperación ao desenvolvemento. Como autora, formouse en obradoiros e cursos de escrita, sempre na procura de voces femininas coas que abeirar as mareas da vida. Froito desta experiencias nace a compilación de relatos Sapos e sereas, a súa primeira obra publicada. Como muller con raíces no rural, aínda conserva unha lagoa con máis dun millón de sapos e dúa ducias de ras cantoras.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR