Estes días comeza a chegar ás librarías Por puntos, a novela coa que Manuel Portas venceu a pasada edición do Premio Blanco Amor organizado pola Fundación Eduardo Blanco Amor e a a Deputación de Ourense. Despois de ser presentado á prensa á pasada semana, a novela arriva ás mesas de novidades das librarías galegas e será presentada en Compostela o vindeiro xoves 11 de abril.

En Por puntos a vida está chea de casualidades, de situacións baixo o ditado das coincidencias e os caprichos do destino. O curso para a recuperación do carné de conducir é un lugar e un tempo no que cadran un mangado de homes e mulleres singulares mais que teñen algo en común. Descoñecidos entre si, as circunstancias fan que agora aparezan como o que son: persoas solitarias, mozos á espreita, biografías indecisas e, así e todo, dispostas a arriscarse para conseguir unhas pingas de cariño.

Por puntos é o retrato —por veces sentimental, por veces traxicómico, outras acedo e corrosivo— dunha realidade próxima e cotiá que endexamais deixa de ser sorprendente. Entre venres e sábados, durante catro xornadas, os personaxes desta novela deixan entrever as súas grandezas e as súas miserias, as súas coitas, os seus devezos e inseguridades. Á mala sorte contraponse a esperanza, á frustración vaina frear un futuro aínda aberto: a pesar de todo, poida que o amor ocupe a mesa do lado.

Manuel Portas (Barcelona, 1960) é profesor de Lingua e Literatura no instituto Xelmírez I de Santiago, do que é director. Alén da colaboración en obras de carácter didáctico e publicacións pedagóxicas, é coñecido polo seu labor no campo da análise sociolingüística, onde salienta Língua e sociedade na Galiza (1990),
obra sobranceira da sociolingüística galega. Colaborador da prensa compostelá, a súa dedicación á res publica e o seu compromiso nacionalista levárono a participar na vida política e a formar parte do goberno municipal de Compostela ao longo de dous mandatos. Denso recendo a salgado (2010) foi a súa primeira novela. Seguírona Un dedo manchado de tinta (2011), Faneca Brava (2013) e Amor en alpargatas (2015). Con Lourenço, xograr obtivo o Premio García Barros en 2015.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR