Chega ás librarías Os amorodos de Bergman, Premio Ramón Piñeiro 2018

Categoría: Nova

Os amorodos de Bergman, obra gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2018, chega ás mesas de novidades da man de Fernando Redondo Neira e a Editorial Galaxia.
A obra galardoada nesta XVIII edición, Os amorodos de Bergman, de Fernando Redondo Neira, amosa unha ollada do universo do cinema feita a partir dunha experiencia galega -a Asociación dos Amigos do Campo- que nas primeiras décadas do s.XX recolleron no celuloide paisaxes e momentos de socialización coa descuberta da natureza como contexto. Os amorodos de Bergman parte dese rexistro fílmico, sen montaxe nin outros aditamentos, no que o azar se converte en traballo a prol dunha significación. A reflexión sobre a imaxe en movemento trasládase dese xeito ao que se podería considerar unha teoría da percepción. O cinema como unha segunda oportunidade da memoria, unha segunda percepción do vivido. A imaxe dos protagonistas fórmase ao tempo na lembranza e no celuloide. A película é a memoria feita cousa que se ergue ao mesmo nivel da vivencia.
En palabras do xurado, Redondo Neira preséntanos un traballo situado nunha Galicia que se abría ao Modernismo, cun valor histórico, antropolóxico, semiótico, artístico e memoralístico desde unha posición filosófica e tecnolóxica que sitúa a Galicia nos albores da Historia universal da cinematografía.
Fernando Redondo Neira, nado en Camporrapado (Boqueixón), é un xornalista e investigador galego. Licenciado en Ciencias da Comunicación pola Euskal Herriko Unibertsitatea e doutor pola Universidade de Santiago de Compostela é tamén membro da Asociación Española de Historiadores do Cinema así como da Asociación Galega de Investigadores da Comunicación. É autor de libros como Carlos Velo. Itinerarios do documental nos anos trinta e publicou artigos sobre cine e comunicación audiovisual en revistas como ZER. Revista de Estudios de Comunicación, Estudios sobre el Mensaje Periodístico, L’Atlante. Revista de Estudios Cinematográficos e Historia y Comunicación Social.. En 2018 foi galardoado tamén co Premio Manuel Reimóndez Portela.

Comparte nas túas redes sociais ou por email