Chega ás librarías A noite do lobo de Abel Tomé

Categoría: Nova

A noite do lobo, obra gañadora do Premio Illa Nova de Narrativa 2019 chega ás mesas de novidades esta semana da man da Editorial Galaxia.
A nova novela de Abel Tomé desenvólvese nunha época remota no acervo galaico portugués pero conta con referencias actuais e reminiscencias a David Lynch, a Mary Shelley e incluso a Corázar. O relato presenta á figura de Lourenço d’Ourantes, quen goza do seu retiro nas terras frías e libres de Luiçiana ata que unha mañá de inverno peta na súa porta un mensaxeiro. O home trae consigo a nova de que o fillo do Conde apareceu devorado polo ataque dun animal e precisan os seus servizos como cazador. Lourenço procurará dar caza ao lobo sen poder deixar atrás unha maldición que o persegue dende a súa estadía como soldado na selva, nun Val de Constanza escuro e misterioso, controlado pola Igrexa, e onde non todo é o que parece. A noite do lobo é unha historia en defensa do patrimonio que destaca tamén a forza do pobo contra o poder e a perspectiva anticolonial.
O xurado que lle outorgou o Premio Illa Nova o pasado mes de maio, composto pola lectora Paz Raña Lama, a escritora Iolanda Zúñiga e a xornalista Ana González Liste, destacou que Abel Tomé “emprega unha prosa dinámica, contida, en que nada sobra e coa que logra construír imaxes contundentes”. Ademais, en palabras deste mesmo xurado “o dominio da lingua e a escolla dos topónimos e antropónimos colaboran, sen dúbida, a engrandecer a ficción”.
Abel Tomé (Outes, 1984) é graduado en Xornalismo e actualmente compaxina a comunicación e o deseño cun máster en Dereitos Humanos. Como estudante, gañou xunto a outros compañeiros o Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro 2013. Tamén foi merecedor do primeiro premio Revista A Pipa 2015 na modalidade de poesía. Previamente, publicara xa en Galaxia A noite do corvo (2018), novela coa que fora finalista do Premio Illa Nova en 2017 e que vai xa pola súa segunda edición.
Nestes días continúan os actos nos que poderás afondar aínda máis na historia de Abel Tomé. Despois da presentación que tivo lugar en Compostela o mércores 17 de xullo ás 20:00h no Salón de Ámbito Cultura de El Corte Inglés, A noite do lobo presentarase o xoves 18 de xullo ás 19:00h na libraría de El Corte Inglés da Coruña e o venres 19 de xullo ás 20:30h na libraría de El Corte Inglés de Vigo.
Agardámosvos!

Comparte nas túas redes sociais ou por email