Cinco anos despois da publicación do seu último poemario, Xesús Rábade Paredes publica na colección Dombate de Galaxia Memoria do corpo, un libro que dá conta da madurez poética dunha das voces esenciais da nosa literatura.

Esta Memoria do corpo, que chega ás librarías galegas é un tempo de investigación para o autor. Dentro de si mesmo, como debe de facer o poeta. É, sen dúbida, o seu mellor logro. E a frase non é arriscada. Así o sente o creador, que viaxa dende o barro por corpos e iniciacións eróticas e camiños que, coma todos os periplos, nos devolven ao punto de partida. Á palabra que funda o mundo. Aos sons primeiros que nos explican. Un poeta espido. Unha poética alicerzada na palabra. Cinco anos despois. E todo o mundo aquí contado.
Xesús Rábade Paredes (Seixas, Cospeito, 1949) estudou a carreira de Letras na Universidade de Santiago e foi profesor de Lingua e Literatura no ensino medio. Membro fundador do colectivo Cravo Fondo (1977), publicou numerosos libros e obtivo varios recoñecementos, como o Premio Galicia por No aló de nós e Morrer en Vilaquinte, elaborados conxuntamente coa súa dona Helena Villar Janeiro, e o XIII Premio Esquío co poemario Poldros de música. En Galaxia publicou, entre outros títulos, Saraverde, Branca de Lobos, A palabra secreta, As sombras do barroco e Mentres a herba medra (Premio Blanco Amor 2006).

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR